FEGABAN > Quen somos?

Quen somos?

 A Federación Gallega de Bancos de Alimentos (FEGABAN) é unha organización independente sen ánimo de lucro baseada no voluntariado e cuxo obxectivo principal é a consecución e aproveitamento dos alimentos excedentarios con intención de facelos chegar aos centros asistenciais, e a través deles ás familias e ás persoas necesitadas.

 

A federación fúndase o 10 de Xullo de 2007 para coordinar os distintos bancos de alimentos da comunidade galega, facilitando o achegamento e o intercambio entre estes, co fin de dotalos do equipamento necesario e atender as necesidades económicas de financiamento.

 

Hoxe en día vivimos o paradoxo dun mundo onde coexiste a produción excedentaria de alimentos con bolsas de pobreza e fame. FEGABAN traballa para difundir o espírito solidario e os valores necesarios que fan falla para paliar esta situación, en concreto, en Galicia.

 


Principios éticos de actuación da Federación Gallega de Bancos de Alimentos:

 

  •     Os alimentos son recibidos e distribuídos gratuitamente. O traballo dos colaboradores é voluntario, baseado na solidariedade e polo tanto non retribuído.
  •     Distribución gratuíta a través de entidades benéficas recoñecidas e homologadas, que poden asegurar o destino dos alimentos a persoas realmente necesitadas.
  •     Contribución á sostibilidade e preservación do medio: ao evitar procedementos contaminantes de destrución de alimentos.
  •     Promoción da solidariedade e a cohesión social mediante a axuda ás persoas con urxentes necesidades alimentarias.

 

Destacamos como os seus fins:

 

  •     Contribuír a reducir a fame na comunidade.

 

  •     Educar e concienciar a poboación sobre a problemática alimentaria e as súas alternativas de solución.

 

  •     Desenvolver a conciencia solidaria, instalando o "Principio de responsabilidade social compartida", con campañas de sensibilización dirixidas cara á opinión pública.

 

  •     Prover aos comedores sociais, fogares de nenos e outras institucións e entidades de ben público de alimentos sans e nutritivos.

 

  •     Involucrar ao sector empresarial, comprometéndoo en accións de responsabilidade social, mediante a achega de doazóns de produtos excedentarios non comerciables.

 

  •     Impulsar axudas e doazóns monetarias de particulares e empresarios destinados a soster o proxecto.

 

  •     Promover e difundir as solucións posibles para superar a problemática da fame.

 

  •     Promover a participación do voluntariado, unha solidariedade activa e responsable.

 

  •     Canalizar e distribuír entre os asociados, as axudas que en alimentos ou en forma de subvencións, procedan de calquera administración, autonómica, estatal e internacional.

 

  •     Coordinar a actuación e a actividade dos catro bancos existentes na comunidade galega, impulsando un maior crecemento nas súas actividades encamiñadas cara á loita contra a exclusión social, e realizando unha actividade máis ampla para axudar aos colectivos máis castigados pola pobreza.

 

  •     Manter en todo momento unha acción potenciadora sobre os bancos que coordina, co fin de que atendan á maior cantidade de persoas necesitadas.
      Mostra este informe sen cabeceiras para imprimilo Imprimir
MATERIAIS RELACIONADOS
Documentos
Ildefonso Sánchez Mera 4-B, Baixo    C.P. 15706    Santiago de Compostela    A Coruña    981 586 181    fegaban@fegaban.es